Programa de Cooperación Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027
EUTERPE_ADN
Rede transfronteiriza para o estudo da música como terapia nas enfermidades neuropsicomotoras e o envellecemento: unha aproximación dende a expresión xenética e a neuropsicoloxía.
O proxecto EUTERPE_adn
EUTERPE_adn, acrónimo que fai referencia á «musa da música» e a xenética, busca abordar retos comúns enfrontados pola poboación envellecida en Galicia e o Norte de Portugal, como a despoboación e a exclusión social. Ao aproveitar o poder terapéutico da música, o proxecto ten como obxectivo mellorar o benestar e a calidade de vida de persoas con demencia/Alzheimer, dano cerebral e adultos maiores.
EUTERPE_adn (www.euterpe-adn.com) contribuirá a mellorar o benestar e a calidade de vida de persoas con demencia/Alzheimer, dano cerebral e adultos maiores, promovendo a música como actividade para un envellecemento saudable, que combata a soidade e a morbilidade que esta supón a través dunha actividade colectiva prolongada. EUTERPE_adn bebe das fontes do proxecto global SENSOGENOMICS en investigación biomédica (www.sensogenomics.com), liderado polos grupos de investigación Xenética de Poboacións en Biomedicina (GenPoB; www.genpob.eu) e Investigación en xenética, vacinas e enfermidades infecciosas (GenViP; www.genvip.eu) do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS — Galicia; www.idisantiago.es).
EUTERPE_adn é un proxecto de cooperación transfronteiriza entre oito socios, catro en Galicia e catro no Norte de Portugal. Grazas á contribución da Facultade de Psicoloxía da Universidade do Minho (Portugal) abordarase o impacto da música na saúde dende unha perspectiva multidisciplinar que combina o estudo da expresión xenética e outras variables moleculares, combinado coa neuro-psicoloxía e a psico-fisioloxía.
Para iso, vanse levar a cabo talleres de música durante un curso completo, con músicos profesionais e con experiencia en atención á diversidade, da Cooperativa de Músicos ao Vivo e a Casa da Música de Oporto. A intervención musical estará baseada na escoita de diferentes tipos de música, a investigación das músicas da súa vida, o canto a través dun coro, a improvisación musical ou facer música en grupo. Un obxectivo que persegue este proxecto de investigación lonxitudinal é poder estudar os beneficios de diferentes actividades musicais a diferentes niveis biomédicos. Para iso, realizaranse 5 avaliacións, a primeira xa neste próximo mes de xuño, para estudar o impacto da música na saúde e o benestar das persoas. O grupo de investigación neuropsicolóxica da Universidade do Minho realiza unha avaliación do deterioro cognitivo, psicomotor, a comunicación, a calidade de vida ou o benestar emocional, entre outros, antes de que comece a intervención musical e noutros catro momentos durante o próximo curso escolar. Do mesmo xeito, os impulsores deste proxecto, o equipo Sensogenoma do IDIS, liderado por Federico Martinón, Antonio Salas e Laura Navarro, levan a cabo a recollida de mostras biolóxicas (de sangue e saliva) para realizar un estudo do impacto da música a través da expresión dos xenes.
Tras o éxito acadado nas edicións anteriores dos concertos experimentais Sensogenoma, interpretados pola Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia; agora, EUTERPE_adn, supón o primeiro estudo lonxitudinal, no que os participantes van asistir a 60 sesións musicais, marcando un antes e un despois na investigación da música como terapia non farmacolóxica.
Este proxecto nace con vocación social e para a saúde. Implementará a música en lugares onde non adoita haber, programando a realización de talleres participativos en centros de maiores con programas de envellecemento activo, así como en centros de día e residencias para persoas con Alzheimer e dano cerebral. Profesionais da música, artistas e músicos en activo de recoñecida experiencia van dirixir talleres de música temáticos durante un curso escolar, a razón de 2 sesións á semana (1 hora cada sesión), trasladándose aos centros correspondentes.
Como se fai a avaliación e a toma de mostras?
Para estudar o impacto da música na saúde fanse cinco avaliacións ao longo do curso. En cada avaliación realizamos un frotis de saliva non invasivo (usando un hisopo de algodón bucal) e recollemos unha pequena mostra de sangue a través de punción nun dedo. A avaliación psicolóxica consiste nunha serie de probas validadas para avaliar aspectos cognitivos, de linguaxe, calidade de vida, ou benestar emocional entre outros.
Un proxecto de investigación sen precedentes
EUTERPE_adn promove unha actividade socializadora que xerará un coñecemento con impacto social dirixido cara á medicina personalizada. Esta cooperación transfronteiriza engade unha novidosa dimensión á música como terapia non farmacolóxica (non-invasiva), en liña coas novas vangardas en investigación biomédica no tratamento destas enfermidades. A maior fortaleza de EUTERPE_adn é a innovación e a interdisciplinariedade: será a primeira vez que a xenómica e a neuro-psicoloxía se unan para tratar un problema social. Un proxecto único e singular, pioneiro e valente.
EUTERPE_adn representa a primeira iniciativa na historia, que xenómica e neurociencia se alíen para estudar o impacto da música na saúde e na enfermidade, na soidade e o envellecemento.
Máis de douscentos pacientes distribuídos en sete centros van ser beneficiarios e á vez protagonistas dun avance científico pioneiro en todo o mundo. Os talleres van desenvolverse en tres centros da Asociación Galega de axuda aos enfermos con demencia tipo Alzheimer (AGADEA) en Vedra, Rianxo e A Estrada, e na sede da Asociación Dano Cerebral Santiago de Compostela (Sarela) en Santiago de Compostela. En Portugal, realizaranse en dúas residencias da Santa Casa da Misericordia de Oporto e no Centro de Dia “Memória de Mim” de Matosinhos (Associação Portuguesa de Familiares e Amigos de Doentes de Alzheimer).
O proxecto ten unha duración de tres anos, e tras a programación musical e o deseño dos protocolos biomédicos, agora en xuño comeza o recrutamento de participantes e a primeira avaliación neuropsicolóxica, así como a primeira recollida das mostras biolóxicas (sangue a través dunha pequena punción capilar nun dedo, e saliva a través dun frotis bucodental). En outubro comezarán os talleres de música nos sete centros, a razón de dous días á semana. O estudo culminará coa publicación dos resultados, así como os materiais utilizados, e un Libro Branco.
Centros participantes
O servizo educativo da Casa da Música de Oporto e Músicos ao Vivo en Galicia levarán a cabo a intervención en 7 centros distintos. Deste xeito, ao proxecto incorpóranse entidades de recoñecido prestixio no ámbito musical e asociacións de pacientes beneficiarias das intervencións musicais: Asociación Dano Cerebral Santiago de Compostela (Sarela) AGADEA (Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencias tipo Alzheimer), Asociación Alzheimer de Portugal (Delegación Norte) e a Santa Casa da Misericordia de Oporto.
ERPI San Lázaro, Santa Casa da Misericordia de Porto
N.S. Misericordia, Santa Casa da Misericordia de Porto
Centro de Dia “Memória de Mim”, Matosinhos
Centro da la Asociación Dano Cerebral Santiago de Compostela (Sarela), Santiago de Compostela
Centro de Agadea en Vedra
Centro de Agadea en Rianxo
Centro de Agadea en La Estrada