Euterpe_ADN é un proxecto de cooperación social, con vocación para o desenvolvemento humano, que xorde impulsado polo equipo investigador de Sensogenomics. En 2019 lanzouse o proxecto de investigación Sensogenoma para estudar o impacto da música no público que asiste a concertos experimentais no Auditorio de Galicia, grazas á colaboración coa Real Filharmonía de Galicia.
Sensogenoma22 supuxo o lanzamento dun proxecto único e pioneiro para estudar o impacto da música na saúde das persoas a través de concertos experimentais. Nesta iniciativa impulsada dende o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia (RFG) e o Auditorio de Galicia, participaron máis de 4000 persoas e recolléronse máis de 4000 mostras biolóxicas (de sangue, saliva e bágoas) entre os asistentes aos concertos. Sensogenoma 24 foi un concerto de música de cine que tamén contou coa colaboración da Banda de Música de Santiago de Compostela, e a Universidade do Minho e Mediaprobe que facilitaron sensores inalámbricos wireless para recoller o ritmo cardíaco e a actividade electrodérmica do público.
Algúns resultados:
- Detectáronse ducias de xenes que mostran alteracións na súa expresión na saliva despois do estímulo musical.
- Os cambios xenéticos son particularmente significativos en pacientes con deterioro cognitivo (demencia, Alzheimer).
- A música exerceu un efecto compensatorio na enfermidade de Alzheimer.
- Entre os xenes e procesos modificados pola música, destacan aqueles comunmente alterados en pacientes con deterioro cognitivo, como a autofaxia, así como tamén unha importante resposta inmunolóxica.