A escoita musical reportou importantes beneficios para a saúde, non só en aspectos como a ansiedade ou o estrés, senón en ámbitos de rehabilitación cognitiva e motora. Así foi reportado en numerosos estudos, e en dous artigos científicos de revisión sistemática publicados polo grupo de investigación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, no marco do seu proxecto Sensogenomics (GenPoB/GenViP). Especialmente en casos de demencia e Alzheimer a música demostrou activar rutas que teñen que ver coa memoria e incluso preserváronse as habilidades musicais. Existe ademais evidencia contrastada sobre a capacidade da música para impactar a anatomía do cerebro, como parte dun proceso máis amplo coñecido como neuroplasticidade. Este proceso é de enorme importancia no marco do tratamento de pacientes con problemas de psicomotricidade, parálise cerebral, etc. É por todo isto, que este proxecto presenta a música no ámbito da saúde e a intervención social para o desenvolvemento e o benestar.

O primeiro taller da intervención musical, “Escoita musical activa” permite o desfrute musical de calidade, con equipos de audio que seguen estándares óptimos. O repertorio amosará a riqueza cultural da historia da música, incluíndo música clásica, música tradicional, popular, ou músicas do mundo, xerando motivación e sorpresa. Así mesmo investigáronse “as músicas da súa vida” para incluílas nas sesións de escoita como forma de activar a emoción e a memoria. A escoita será contextualizada coas vidas dos compositores, as historias que as rodean ou o contexto histórico-cultural. Unha escoita activa, estimulante, adaptada á diversidade dos grupos, na que se experimente co corpo, o movemento, se active o sentido do tacto a través de obxectos e se acompañe con instrumentos. Os músicos que dirixen as sesións xeraron diferentes playlist que foron a “terapia non farmacolóxica” dos talleres de escoita, ¡escoitádeas!
Imparten: Alejandro Vargas, Tomás Rábano, Beatriz Rola, Ana Conceição.