EUTERPE_ADN

O equipo de traballo do proxecto Euterpe_ADN é interdisciplinar: músicos, investigadores, biólogos, psicólogos, persoal de enfermaría, técnicos de laboratorio, analistas de datos, bioinformáticos, traballadores sociais, educadores… e persoal de produción e xestión. O grupo de investigación Genvip-Genpob do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela coordina o proxecto para que o traballo das oito institucións participantes logre cumprir os obxectivos de desenvolvemento social e humano.

O equipo de traballo Euterpe_ADN liderado por Laura Navarro e Antonio Salas (IDIS), conta cunha ampla participación do seu grupo de investigación Genvip-Genpob, que é un referente a nivel mundial en investigación biomédica (genpob.eu). A investigación en neuropsicoloxía é levada a cabo pola recoñecida Escola de Psicoloxía da Universidade do Minho. As dúas entidades encargadas da intervención musical, Casa da Música de Porto e Músicos ao Vivo en Galicia, son as máis prestixiosas no seu ámbito de actuación. Catro entidades sociais son protagonistas e beneficiarias do proxecto: Santa Casa da Misericordia de Porto, Alzheimer Portugal, Dano cerebral Santiago de Compostela e Agadea.